ARouSA é unha aplicación baseada en Visual Basic e Visual Basic Application para Excel. O obxectivo desta aplicación é facilitar o emprego de procedementos estandarizados para a avaliación de stocks e o asesoramento técnico na explotación e conservación dos recursos marisqueiros.
A aplicación conta cunha serie de ferramentas de aplicación directa no traballo de asesoramento realizado polos técnicos das confrarías de pescadores de Galicia e da administración pesqueira.
As ferramentas de avaliación de stock facilitan o cálculo mediante mostraxes, estratificadas ou non, empregando deseños de base puntual (calicatas ou dragas), tansectos lineais, arrastres ou unha combinación de dúas destas técnicas. Estas ferramentas están especialmente pensadas para stocks e dinámica de poboacións de especies bentónicas. A apliación conta tamén cunha ferramenta específica para a avaliación de stoks de percebe que implementa a metodoloxía empregada en J.M. Parada et al. (2012) e J.M.Parada et al. (2013).
As ferramentas de asesoramento permiten obter de xeito estandarizado relacións tamaño – peso, calcular taxas de mortalidade, inferir a evolución de poboacións no tempo, estandarizar controis de tamaño das capturas.
A aplicación inclúe tamén unha serie de ferramentas para a caracterización do medio. Estas ferramentas facilitan o cálculo da cota batimétrica ou o nivel mareal das áreas estudiadas, cálculo de superficies, lonxitudes de arrastres ou transectos non rectilíneos, e caracterización granulométrica estandarizada.
Para o seu funcionamento requírese Excel 2003, 2007 ou 2016, nivel medio de seguridade de macros e complementos de análise de datos.
Condicións de uso
ARouSA é unha aplicación de uso libre. A súa descarga dende esta web é libre, pero a súa distribución require de autorización expresa. Os usuarios comprométense a citar a aplicación ARouSA na metodoloxía dos traballos nos que se publiquen resultados obtidos con ela, e o sitio web ou calquera outra fonte onde estea accesible. Agradécese a remisión de referencias de traballos, publicados ou non, que empreguen ARouSA na súa metodoloxía. Agradécese o envío de calquera comentario, suxestión ou informe de erro a arousa2009@gmail.com
Descargas
Acceda á descarga dos arquivos que compoñen a aplicación. Siga as instrucións de instalación para asegurar un correcto funcionamento. O arquivo ARouSA_09_manual.pdf conten a documentación de ARouSA (versión 10.02) actualizada trala súa publicación pola Consellería do Mar da Xunta de Galicia (ISBN: 978-84-453-4863-5). As ferramentas posteriores á publicación do manual contan cos seus propios manuais individualizados.